mércores, 26 de xuño de 2024

Falecemento de Xelucho Abella

O 17 de xuño faleceu Xelucho Abella, profesor do IES Eduardo Pondal e do IES Alfredo Brañas, natural de Malpica e autor de As aventuras de Pelusa, A cidade maldita e Gundar e o cabalo de oito patas

A nosa mellor homenaxe será lerte! Voa alto! 



Marta Villar, Premio Xerais 2024


O xurado da XLI edición do Premio Xerais de Novela acordou declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Detective Ferruchi. Tras abrir a plica, a autora resultou ser a xornalista e escritora Marta Villar e o título da novela será o mesmo que o lema. A decisión foi tomada por unanimidade.

Tras moitos anos fóra, Sol Cortés regresa a Umeiro, a súa vila natal, e monta unha libraría. Poucos días despois da apertura, aparece brutalmente asasinado Xan Sequeiro, un veterinario insociable e introvertido pero a quen toda a veciñanza admiraba pola súa capacidade e sensibilidade no trato cos animais.

A investigación deste asasinato conforma o núcleo dunha trama rica e heteroxénea tecida con fíos narrativos de emoción, enxeño e intensidade. Os numerosos personaxes, peculiares e sorprendentes, interactúan con naturalidade na historia mediante uns diálogos fluídos e espontáneos onde, unhas veces con humor e outras con gravidade, van infiltrando na novela diversos temas que levan a reflexionar de forma crítica sobre os comportamentos xerais da sociedade actual.
A utilización dunha voz narradora limpa e aguda consegue manter a intriga dende o comezo a través dun ton cómico e paródico pero tremendamente eficaz.

Nesta edición presentáronse 35 obras ao premio. Ademais, o xurado recomenda a publicación da novela finalista que se presentou baixo o lema Nena de auga.

Marta Villar (Malpica de Bergantiños, 1973) é xornalista e integrante de consello de redacción da Revista Cultural Mallas da Area, de Bergantiños. En 2020 conseguiu o Premio Tiflos de Xornalismo e resultou finalista no XLI Premio de Xornalismo Julio Camba Afundación. Foi finalista tamén nos certames de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal nas edicións de 2021 e 2022, así como no Premio de Poesía Gloria Fuertes do Concello de La Rinconada (Sevilla) de 2021. En 2023 publicou a súa primeira novela Non temerás os coches amarelos, editada en Xerais. Con Os peidos máxicos de Sultán, publicada por Xerais hai só unhas semanas, estreouse no eido da literatura infantil.

Parabéns, Marta! Verémoste o vindeiro curso en Malpica! 



mércores, 5 de xuño de 2024

Presentación Corpos no mar

O sábado 1 de xuño presentouse dentro do I Foro do Mar o último libro de Héctor Pose, Corpos no mar, un conxunto de dezasete relatos que, segundo o autor, proceden da xente que teñen as extremidades ou o pensamento no Océano Atlántico. 

Moi amablemente firmounos o exemplar para a nosa biblioteca. 







xoves, 30 de maio de 2024

Última sesión de formación de radio

O martes 28 de xuño tivemos a última sesión do curso de formación impartido por Fina e Óscar do IES Maximino Romero de Baio dedicado ao manexo de Audacity e de Canva para a edición de son. Foinos de grande utilidade! 

Moitas grazas, Óscar e Fina! 



luns, 27 de maio de 2024

Club de lectura de nais: El abismo del olvido

Onte tivemos o penúltimo club de lectura de nais ao que fielmente acudiron María e Sonia. Optamos por unha novidade, o cómic El abismo del olvido de Paco Roca.

Consideramos o autor un mestre do xénero, malia que neste título non existe atisbo para a esperanza. Aínda que a historia transcorre en Levante, non se afasta moito do que ocorreu hai pouco en Bértoa, cando se rescataron os restos de catro exrepresaliados, e tamén, como dixo Sonia, a lectura deste libro levoulle sempre a recordar o que comentaban os seus avós da persecución e desaparición de viciños por ser simplemente diferentes. 



 

Club de lectura: Comedia bífida de Núñez Singala

Hoxe tivemos ao mediodía, de 15 a 16 h, o club de lectura. O libro elixido foi Comedia bífida de Núñez Singala, unha obra na que se reflexiona sobre a situación de diglosa que padece a lingua galega. 

Esta obra foi representada por Nobicarelo Teatro.


domingo, 26 de maio de 2024

Dúas presentacións de libros

O sábado 25 de maio tivemos dúas presentacións de libros ás que acudimos. 

Ás 12.30 h a profesora Rosalía Fernández Rial do CPI  de Cabana de Bergantiños presentou Mover ficha na libraría Couceiro en Santiago de Compostela. 


E ás 18 h, na biblioteca Eduardo Blanco Amor de Malpica, Marta Villar presentou o libro Os peidos máxicos de Sultán. A concellaría de Cultura e Educación agasallounos un exemplar para a nosa biblioteca. 


As dúas autoras tiveron a amabilidade de firmarnos os seus libros para a nosa biblioteca.